Venres. 03.05.2024

O PPdeG dá a coñecer, a través da web rueda.gal, o seu Programa de Goberno para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, que recolle 870 propostas para seguir construíndo entre todos a mellor Galicia para vivir, investir e formar unha familia. “Unha Galicia da que todos podemos sentirnos orgullosos, liderada por Alfonso Rueda”, subliñan os populares.

“A nosa terra non deixou de mellorar nas últimas catro décadas. Temos un gran camiño percorrido, pero o mellor aínda está por vir e a mellor forma de facelo é desde a unidade, a concordia e a estabilidade”, din.

O documento, presentado en Lugo, trátase dun programa “ilusionante” e ao mesmo tempo “realista”, co aval que aporta que o PPdeG teña cumprido os seus compromisos. “Galicia funciona e así vai seguir sendo, imos seguir avanzando porque Galicia non para”, engaden.

O Programa de Goberno 2024-2028, que traza o percorrido rumbo á Galicia da nova década, divídese en tres eixes: A Galicia das persoas, A Galicia que prospera e A Galicia do futuro.

Os populares galegos queren seguir apostando polas familias e pola educación, coa cobertura total de recursos de conciliación gratuítos de atención á infancia 0 a 3 anos e favorecendo a conciliación das familias con nenos de ata 12 anos nos períodos non lectivos, ou reducindo a ratio de alumnos por profesor.

No programa tamén se avoga por mellorar os servizos públicos, convocando máis de 4.000 novas prazas de emprego público para reter e captar o talento dos mozos e mozas do noso país; destinando o 1% do PIB a recursos para as universidades; construíndo novos centros de saúde, incorporando persoal de saúde mental e aumentando o de enfermaría; ampliando hospitais e reducindo as listas de espera; así como reducindo a carga de traballo do persoal sanitario de atención primaria.

Ademais, o PPdeG completará a conversión dos corredores en autovías e poñerá en servizo novas vías de altas prestacións libres de peaxe.