Venres. 03.05.2024

A Xunta reforza a colaboración público-privada na loita contra os incendios forestais. Así, dentro do fondo creado ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que prevé un orzamento de 36 millóns de euros en conxunto, o Goberno galego acadou un acordo con Altri polo que esta empresa se compromete a aportar dous millóns de euros. Así, contabilizando os 9 millóns de euros tamén achegados por Inditex, xa se cubriron 11 dos 18 millóns previstos de aportacións privadas ao fondo, ao que se agardan novas incorporacións. Os 18 millóns restantes son aportados polo Goberno galego.

O Consello da Xunta aprobou o convenio de colaboración mediante o cal a Consellería do Medio Rural e Altri traballarán en conxunto para promover a resiliencia do territorio galego ante incendios forestais. Deste xeito, Altri achegará a devandita cantidade ao fondo público-privado promovido pola Xunta para a prevención de lumes mediante a planificación integral, dirixíndose á restauración das zonas afectadas polos incendios forestais e á implantación dunha política de prevención pola vía da xestión do territorio.

O convenio terá unha duración de catro anos, polo que estará vixente ata 2027. Contempla cinco obxectivos principais, vencellados coa ordenación dos montes, a recuperación do potencial forestal das zonas afectadas, a conservación e o fomento dos 39 recursos forestais, das agrupacións forestais e do aproveitamento da resina, mel e outros produtos da natureza.