Sábado. 27.04.2024

A concellaría de Cultura de Arzúa, da que é responsable a edil Aurora Varela, continúa desenvolvendo a programación cultural de verán co inicio das actividades organizadas para este mes de agosto.

 

Este martes, 3 de agosto, abrirase a quinta edición da exposición colectiva e multidisciplinar Bo Camiño que se poderá visitar na Capela da Madanela. Máis de trinta artistas galegos plasman o seu punto de vista sobre o Camiño de Santiago a través das súas obras.

 

A exposición permanecerá aberta ata o 31 de agosto en horario de sete e a nove da tarde, de martes a venres; o acto de apertura terá lugar mañá martes ás sete da tarde. Debido as condicións sanitarias e necesario confirmar asistencia no correo [email protected] ou no telefono 630 28 59 20.

 

Nestra mostra poderanse ver, entre outras obras, o alberge de Ribadiso de Antonio Abad, os peregrinos de Óscar Aldonza e Marcos Lopez, o Camiño Portugués de Isabel Alonso, os gaiteiros de Carlos Barcón, a peregrina de Violeta Bernardo, Montse Pernas e Margot Liñeira; a procesión a Compostela de Tino Canicoba e o camiño ao seu paso por Arzúa de Moisés Suarez, María José Plata, Mila Vázquez e Siilvática. A galería tamén conta coa participación da arzuá Rebeca Novo.

 

Aurora Varela, concelleira de Cultura, aproveitou a ocasión para convidar a “todos os veciños e veciñas de Arzúa para que, ao longo deste mes de verán por excelencia, se dean unha volta pola Capela da Madanela para desfrutar do maravilloso traballo desta trintena de artistas que amosan a través das súas obras un punto de vista persoal, diferente e atractivo sobre un dos nosos maiores tesouros, o Camiño de Santiago”; ao tempo quixo agradecer aos artistas participantes o seu interese en “ser partícipes desta magnífica iniciativa que un lustro despois dos seus inicios se consolida en Arzúa como unha das propostas mellor valoradas e cunha grande acollida”.