Sábado. 27.04.2024

O Partido Popular de Arzúa convocou unha xuntanza para conseguir unha instalación viable para que eventos como o Rally Terra da Auga poidan celebrarse na vila.

Tal e como explica Rafael Rivadulla, voceiro do PP local “tras presentar os populares varios rogos e iniciativas en diversos plenos no pasado ano, e vendo a inmobilidade do goberno local de AxA-PSOE para localizar e acondicionar unha parcela na vila, organizamos unha reunión entre partidos políticos, Asociación de Empresarios e Comerciantes de Arzúa (AECA) e a Escudaría Talleres Galicia Sport”.

A esta xuntanza acudiron preto dunha trintena de persoas, entre elas, membros do PSOE, AECA, a escudaría e empresarios do sector hostaleiro e de restauración. Tanto AxA coma o BNG declinaron participar.

Na mesma expuxéronse as necesidades da parcela, derredor duns 18.000 m2 e cunha superficie compacta nas proximidades da vila. Entre os presentes detectaron varias opcións, que trasladarán ao goberno local para o seu estudo.

Para Rafael Rivadulla, “a reunión foi un éxito, pois chegouse á conclusión da urxente necesidade desta parcela e acordar os pasos necesarios para facer realidade a volta en 2023 do parque de asistencia do rally. A presenza dalgo máis dun millar de participantes, entre equipos, organización e medios especializados, así como os miles de persoas do público asistente, supoñen un gran aporte á nosa economía local”.

Entre os empresarios asistentes houbo coincidencia en afirmar que para moitos o beneficio económico é semellante ou superior á Festa do Queixo.

Os populares solicitaron unha reunión urxente co alcalde, José Luis García, tal e como se acordou conxuntamente na reunión, entre partidos políticos, AECA, Escudaría Talleres Galicia Sport, e aberta a outros empresarios. Tratarán o tema e trasladaranlle as parcelas detectadas. Rivadulla di que “esperamos acadar un compromiso escrito do alcalde para unha asignación orzamentaria entre 2022, aínda sen orzamento, e/ou 2023”.