Venres. 26.04.2024

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou ás empresas galegas a apostar pola innovación e a sostibilidade como unha combinación clave para ser máis competitivas e xerar novos empregos desde o respecto á natureza e o medio ambiente.

Durante un encontro con dúas emprendedoras da contorna de Melide, que no marco da iniciativa da Xunta Camiño da Innovación compartiron cunha ducia de empresarios da zona os proxectos innovadores que están a desenvolver nos seus negocios, Ángeles Vázquez lembrou o esforzo realizado na Comunidade durante a última década para avanzar na busca de solucións tecnolóxicas e novidosas que fortalezan o sistema produtivo, apostando pola colaboración entre entidades do eido público e privado.

Con este mesmo obxectivo de establecer sinerxías, avanzou que en 2022 empezará a funcionar a Alianza galega polo clima, unha iniciativa impulsada pola Consellería para facilitar a unión entre tecido empresarial, asociacións profesionais e administracións fronte ao cambio climático. “Falar dunha Galicia innovadora é falar dunha Galicia verde”, insistiu a conselleira, que engadiu o gran potencial que ofrece a chamada economía verde para as empresas galegas, sobre todo en sectores como a construción, as renovables ou os procesos relacionados co tratamento de residuos e a economía circular.