Mércores. 08.05.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, para ultimar os detalles da nova reestruturación parcelaria que se levará a cabo no Concello, e que foi aprobada polo Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que, ademais, participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación que se propón.

O delegado da Xunta destacou que esta nova zona de concentración parcelaria que se aprobou para Boqueixón levarase a cabo na zona de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo, sobre unha superficie de 1.961 hectáreas. Afectará a 10.450 parcelas e a 1.195 propietarios.

Neste senso, Trenor sinalou que “a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio”.

Ademais, o representante do Goberno galego indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.