Xoves. 25.04.2024

Ás 14:00 horas do vindeiro 20 de febreiro remata o prazo de inscrición dos establecementos hostaleiros que queiran adherirse á iniciativa Café con verso, organizada polo Concello de Ames para homenaxear á poetisa galega Rosalía de Castro. Os locais hostaleiros poden formalizar a súa inscrición no enderezo [email protected].

O Café con verso, que se desenvolverá o 22 de febreiro, estará amenizado polas actuacións musicais de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos establecementos participantes, entre os cales repartiranse unhas tarxetas con versos de Rosalía para difundir a súa obra, a súa figura e o seu pensamento, ao tempo que se promove a hostalería amesá.

Tamén, nos actos do Día de Rosalía, o Concello organiza a actividade Caldo de Gloria, do que fala a escritora no seu poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, que se desenvolverá nos comedores do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño e CEIP da Maía; e no que o alumnado degustará Caldo de Gloria ademáis de desfrutar dos versos de Rosalía e da música de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez.

Esta é unha iniciativa que puxo en marcha no ano 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. No 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. En 2019 o Concello de Santiago de Compostela e no 2020, o Concello de Dodro. Deste xeito, esta iniciativa converteuse nunha actividade colectiva da que participaron os cinco Concellos que promoven a Ruta As Pegadas de Rosalía.