Venres. 03.05.2024

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, pechou a multitudinaria convención do BNG apelando a unha mobilización masiva para derrotar ao PP cunha  vitoria histórica e poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos. Para iso, recalcou, ningún voto do cambio pode quedar na casa.

“Este é un deses momentos nos que un País ten que erguerse para loitar polo seu futuro e a iso convocou á cidadanía, a que o 18 de febreiro ningunha persoa que queira cambio quede na casa e a que ningún voto do cambio se perda”, e para conseguilo “a alternativa é coller a papeleta do BNG”, destacou, subliñando que a posibilidade de facer historia cunha presidenta, “está máis cerca do que cremos, non nos arrepintamos o 19 de non ter feito todo o que estaba na nosa man, porque depende dunha présa de votos”.

A líder nacionalista incidiu en que cada vez máis xente “está xirando a mirada cara o Bloque farta das vellas receitas fracasadas dos de sempre. Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferentes”, apelou.

Pontón ironizou sobre o nerviosismo do PP, conscientes de que o cambio é imparable porque as “trolas” do candidato Rueda en forma de “tómbola” de anuncios,  “xa non colan”.

Pontón preséntase como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor. “A todas esas persoas quero dicirlles que son a súa candidata, non importa que papeleta colleron noutras eleccións, son a candidata de todas as persoas que queren cambio e que saben que a maneira de conseguilo é apostando todo ao BNG”.