Mércores. 08.05.2024

O Partido Popular de Melide lamenta que o Mercamelide de inverno teña un trato “discriminatorio e desigual” para os establecementos socios e os non socios de Asetem.

Dalia García, portavoz popular explica que “a cuestión que os populares discuten non é outra que a decisión consentida polo alcalde, J.M. Pérez,na que se estableceu segundo a publicación das RRSS do Concello de Melide unha clara diferenza na participación e na cota que voluntariamente os comercios sufragaban para financiar o evento entre socios e non socios de ASETEM: os non socios terían que pagar 30 € quedando en suspenso a cantidade que aportarán ou deberán aportar os socios da entidade”.

Dende o PP de Melide sinalan que “este foi sempre un evento aberto a todos os comercios da vila independentemente da política de socios da asociación de empresarios como non podería ser doutro xeito”.

Un evento pagado cos nosos impostos non pode establecer ningún tipo de discriminación entre uns comercios ou outros” sinala Dalia García, quen apunta ademais que “é a primeira vez que isto sucede, cuestión que ademais é de dubidosa legalidade”. Engade que se trata dun evento municipal para o cal o orzamento que se estableceu é de 12.000 euros de todos os melidenses polo que o trato debe ser igularitario e as condicións de participación abertas e públicas para todos os comercios”.