Venres. 26.04.2024

El mundo teje, encontro internacional sobre a transformación da la de forma artesanal terá lugar o vindeiro mes de xuño por primeira vez de forma presencial en Cabanas, xa que a primeira edición, o ano pasado, tivo que desenvolverse na modalidade online. O evento está impulsado por Bea Carbón e Lola de Logaro e naceu coa idea de defender a transformación de xeito artesanal, empregando a materia prima de xeito circular e poñendo en valor as razas en perigo de extinción como a ovella galega.

O 10, 11 e 12 de xuño, o Paseo da Madalena acollerá a cita que reunirá en Cabanas a 17 empresas que amosarán os seus proxectos de tranformación artesanal. Ademáis, na modalidade online, contará coa participación telemática de Elena Galán, Huanaco, Muterbeltz, Manos del Uruguai ou La Morena, entre outros, e que comparten a súa paixón pola la e o tecido ademáis de estar comprometidos co comercio de proximidade e co consumo local.

Ademáis, o Concello de Cabanas anunciou que está a preparar na sede da futura Casa da Cultura, o Museo Etnográfico da La, para o cal mercouse recentemente material que axudará ao Concello a apoair as tradicións. Un material que "non foi doado de conseguir, polo que a súa adquisición é unha grande oportunidade para que o Concello de Cabanas poida contribuír a manter oficios tan antigos como o fiado", destacou o alcalde Carlos Ladra.