Mércores. 08.05.2024

A lectura da acta de creación da Alianza Aresana de Instrución, por varios descendentes dos socios fundacionais, será o inicio da celebración do 118 aniversario desta institución, o vindeiro domingo 20 de marzo. A Alianza foi creada por emigrantes de Ares que desexaban democratizar a educación na vila e foi unha das agrupacións fundamentais na historia e desenvolvemento da localidade aresana. A celebración terá lugar no mesmo edificio que se construíu grazas ás achegas e ao espíritu das persoas que a compoñían para acadar unha educación democrática e aberta ás clases populares.

Trala lectura da acta (18.30 horas), haberá unha actuación musical de Son al Son (19.00 horas) que a base de ritmos cubanos conectará Galicia con América, e no que é unha homenaxe do Concello de Ares á Alianza Aresana e a estes indianos que tanto traballaron a prol da localidade e do seu desenvolvemento social e cultural.

"O valor da Alianza vai máis aló do simbólico; é un valor constatado e constatable de que axudaron na mellora de Ares, sufragando eles mesmos a construción da primeira escola da emigración galega, un espazo á vangarda educativa da súa época", destacou a concelleira de Cultura Alma Barrón.

A escola da Alianza Aresana de Instrución abriu no ano 1906, aínda que o recinto e a edificación foron pechados cunha muralla de ferro e pedra no ano 1911, e lideraba a revolución educativa e do ensino galego a primeiros do  século XX promovida polas persoas migrantes. Figuras que desde América, ou desde o retorno, querían expandir a educación a todos os eidos da sociedade.