Venres. 26.04.2024

O Centro Dramático Galego (CDG) acaba de poñer en marcha unha iniciativa piloto que levará unha obra de gran formato aos pequenos concellos e que representarase ao longo de varias xornadas, así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na presentación da iniciativa en Cedeira que será o segundo dos concellos da xira do CDG (o primeiro foi Cee) coa obra As oito da tarde, cando morren as nais.

Así, Cedeira será do 20 ao 22 de maio, tras tomar o relevo de Cee, "a capital do teatro galego" coa representación desta peza contemporánea, moi visual e innovadora cun texto de Avelina Pérez e que foi premiado no 2018 co Álvaro Cunqueiro e cuxa dirección está a cargo de Marta Pazos. Así, o Auditorio Municipal de Cedeira acollerá a representación da obra ás 21.00 horas os días 20 e 21, e ás 19.00 horas o día 22. As entradas terán un prezo de 4 euros con desconto do 50% para desempregados, estudantes, familias numerosas e maiores de 65 anos, e se poden adquirir na web ataquilla.com. Ademais, o CDG achegarase un día antes ata Cedeira, o 19 de maio, para ofrecer unha función para o público escolar.

A obra As oito da tarde, cando morren as nais, dirixida a maiores de 12 anos, foi todo un éxito na primeira experiencia en Cee según explicou Núñez, que aclarou que coa finalidade de facilitar a asistencia de público da contorna de Cedeira, haberá un servizo de autobús gratuíto desde Ferrol, Narón e Valdoviño. Para iso, as persoas no momento de adquirir as súas entradas poden chamar ou enviar unha mensaxe de Whatsapp ao 649 876 614 para apuntarse.

Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado forman o elenco da obra, que dura 75 minutos e na que o CDG fai tamén un esforzo de integración, xa que contan con intérprete de lingua de signos, audiodescricións e subtítulos para as persoas con discapacidades auditiva ou visual.