Venres. 26.04.2024

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés vén de convocar a segunda edición do concurso de fotografía dixital co que pretender aumentar a visibilidade e poñer en valor todos os bens patrimoniais, paisaxísticos, etnográficos, gastronómicos e culturais desta ruta xacobea desde calquera dos seus puntos de inicio, en Ferrol e A Coruña, ata Santiago de Compostela. Unha iniciativa que conta ademais coa colaboración da Deputación da Coruña.

O certame está aberto a todas as persoas que o desexen, profesionais ou afeccionados, sempre que as súas fotografías sexan orixinais e inéditas, e estean relacionadas co Camiño Inglés. Cada participante poderá enviar ata tres imaxes en formato dixital á dirección [email protected], indicando título, localización onde foi tomada a fotografía, nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono, correo electrónico e perfís de redes sociais. O prazo de entrega remata o 12 de setembro ás 23.59 horas. 

Todas as fotografías publicaranse nas páxinas de Facebook e Instagram da Asociación, e as imaxes que máis reaccións positivas acaden pasarán á segunda fase xunto ás 18 fotografías elixidas polo xurado profesional ata completar as 22 fotos finalistas que formarán parte dunha exposición intinerante polos distintos concellos por onde transcurre o Camiño Inglés. 

O xurado elixirá a tres mellores imaxes segundo criterios de calidade artística, creatividade, simbolismo, significado... E, os premios consistirán en bonos de 150, 100 e 50 euros a canxear en diferentes establecementos de aloxamento e restauración do Camiño Inglés incluídos na Rede Stelar, rede por excelencia e atención ao peregrino promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés.