Venres. 26.04.2024

O Concello de Oroso abrirá na segunda quincena de maio a piscina municipal, grazas á cuberta instalada o ano pasado que permite o uso das instalacións mesmo os días que o bo tempo non acompaña.

“O concello ten como obxectivo que a veciñanza disfrute da piscina respectando as normas derivadas do coronavirus, xa que a saúde é o primeiro a día de hoxe”, afirma Antonio Leira, concelleiro de Deportes.

A ocupación máxima será do 50%, cumprindo coas recomendacións sanitarias vixentes, e o horario de apertura das instalacións será de 16:00 a 21:00 horas do 15 ao 31 de maio (os sete días da semana). A partir do 1 de xuño, o horario é de 11:00 a 21:00 horas.

PREZOS E CARNÉS

Para poder acceder á piscina será necesario estar en posesión dun carné. Os empadroados no concello menores de 16 anos, terán que aboar 17 euros, e os maiores, tamén empadroados, 25 euros. Farase sempre un desconto do 20% por familia numerosa.

Para as persoas que non están empadroadas no Concello de Oroso e queren facer uso da piscina o prezo será para os menores de 16 anos de 24 euros e para os maiores de 32 euros.

Tamén se poderá obtar por entrar á piscina soamente, sen necesidade de contar cun abono. Para os menores de 16 anos o prezo será de 1,50 euros e para os maiores de 16 anos o prezo é de 2 euros. Os menores de 4 anos non terán que pagar.

Unha vez completo o aforo establecido, o usuario non poderá acceder á instalación ata que non saian outros usuarios.