Venres. 26.04.2024

A VI Andaina Terras de Altamira, que terá lugar o sábado 15 de maio, vai camiño de pechar inscricións en tempo récord. A pandemia sanitaria obrigou a limitar a participación a tan só 250 persoas, a metade da edición de 2019. Pois ben, “24 horas despois de abrir as inscricións, xa temos máis da metade das prazas asignadas”, explica Xosé Manuel Trigo, director desta VI Andaina Terras de Altamira.

Unha situación que non ten antecedentes nesta proba, pois as inscricións xa formalizadas este ano superan xa aos participantes da edición de 2017. As inscricións poden formalizarse por 12 euros a través da páxina web www.andainaterrasdealtamira.org ata o 5 de maio. De quedaren prazas libres, entre o 6 e o 12 de maio a organización ofertará inscricións a 10 euros, sen opción á bolsa do sendeirista. En ambos os dous casos, os sendeiristas con licenza da Federación Galega de Montañismo terán un desconto de 2 euros.

A proba volverá estar estruturada en forma de trébol de tres follas, de forma que cada participante elixe a distancia quere percorrer: 14, 36 ou 50 quilómetros. Neste sentido, a Carballeira de Santa Minia será o punto neurálxico da proba, sendo punto de saída e chegada das tres rutas (de 14, 22 e 14 quilómetros, respectivamente). Esta distribución do percorrido en aneis está pensada para que cadaquén escolla a distancia que considere pode andar sen problemas segundo a súa capacidade física.

Ademais da limitación a 250 prazas, todas as persoas que participen deberán cumprir un protocolo anticovid-19. Entre outras cousas, as persoas participantes deberán entregar unha declaración de saúde asinada o día no que recollan o dorsal da proba. A VI Andaina Terras de Altamira será proba puntuable para a Copa Galega de Andainas de 50 km da Federación Galega de Montañismo. Está organizada pola asociación O Esquio no Piñeiro e o Concello de Brión, e conta coa colaboración da Federación Galega de Montañismo e da Xunta de Galicia.