Venres. 03.05.2024

Mellora da mobilidade dende a rúa Senra ata San Caetano, creación do parque comarcal de bombeiros, obras de saneamento no rural, recuperación dos espazos públicos, ampliación do parque público de vivenda, implantación da tasa turística ou axilizar a administración municipal, son algúns dos retos do equipo de goberno do Concello de Santiago para este 2024, e dos que informou aos xornalistas nun almorzo o pasado luns.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, incidiu na aposta do goberno local pola “transversalidade” á hora de poñer en marcha estas iniciativas, actividades e proxectos municipais, coa coordinación de xeito conxunto e colectivo entre todas as áreas, concellerías e servizos. “Unha transversalidade que cremos que é a mellor ferramenta para que a administración municipal funcione mellor”, sinalou a rexedora que estivo acompañada por todo o seu equipo de goberno.

Sanmartín aclarou, antes de explicar polo miúdo os retos e liñas de traballo para o 2024, que moitas destas iniciativas xa as contemplan os orzamentos que están en tramitación, e que estes proxectos que “temos sobre a mesa teñen o obxectivo de que o conxunto da poboación de Compostela recupere o orgullo de capital, recupere toda a potencialidade socioeconómica, cultural e deportiva, aínda que sabemos que iso vai levar un pouco de tempo”, dixo a alcaldesa e aclarou: “nós entendemos que a poboación ten moitas gañas de que todo se faga moi rápido pero hai cousas que levan o seu tempo, mais nós xa demos os primeiros pasos”.

Para afrontar estes retos, segundo informou Goretti Sanmartín, que definiu o seu mandato como o do “diálogo e da participación”, reactivaranse os consellos de participación e anunciou que o vindeiro 25 de xaneiro terá lugar o Consello de Relacións Veciñais.

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa María Rozas, asegurou que o 2024 “chega cargado de retos e para afrontar os cales, o goberno leva estos seis meses sentando as bases do que será o mandato, definindo as liñas de actuación e cal será o noso xeito de gobernar: con diálogo, participación e poñendo sempre ás persoas no centro”.

Rozas valorou "moi positivamente" o feito nestes seis meses e defendeu como unha das prioridades deste goberno “o social, no que xa avanzamos como coa nova licitación do Servizo de Axuda ao Fogar, a recuperación dos recursos residenciais para as persoas sen fogar, ou os proxectos do Centro de Maiores e o Centro Sociocultural do Ensanche”.

Así, entre estes retos para o 2024 destacan os avances para creación do Parque Comarcal de Bombeiros, “unha demanda histórica”; a recuperación dos espazos públicos como a mellora da mobilidade entre a rúa Senra e San Caetano, “iniciativa que está en fase de estudo e para a que se realizará un concurso de ideas”; implementación da tasa turística ou a aposta por un novo modelo de turismo, “responsable, sostible e de calidade”.

O goberno local informou de que tamén está a traballar “nun novo modelo urbano, cunha nova estratexia de planificación e de construción, máis sustentable e mellorando a súa eficiencia enerxética”, así como a “creación de espazos públicos de calidade que fomenten as relacións interpersonais e que sexan inclusivos, seguros, confortables e accesibles”, incidiu a rexedora que subliñou o compromiso do goberno no cumprimento do pacto polo rural, "para minguar esa discriminación histórica, e neste 2024 realizaremos, entre outras iniciativas, obras de saneamento en todo o rural".

O problema da vivenda é outro dos retos aos que se vai enfrontar o goberno de Santiago. Neste sentido o obxectivo é, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, "a ampliación do parque público de vivenda, así como a compra e rehabilitación de inmobles para poñelos logo en aluguer a prezos regulados", e precisou que haberá un investimento neste eido dun millón de euros. 

A alcaldesa tamén anunciou a posta en marcha dunha nova páxina web do Concello, e a implantación dun modelo que permita "axilizar, simplificar e mellorar a realización dos procedementos administrativos" e burocráticos dos cidadáns.  

No eido deportivo, Sanmartín incidiu no aumento significativo da partida orzamentaria, a colaboración directa con todas as entidades deportivas e anunciou a recuperación da Gala do Deporte. Asemade, o executivo, na posta en valor das festas da cidade, fará fincapé na participación e no talento local e galego. A rexedora tamén informou, sen precisar datas xa que aínda está en fase de estudo, a posta en marcha dun Plan Piloto de Comedores Escolares 

Goretti Sanmartín rematou asegurando que estes retos teñen como obxecto a creación dun "Santiago pensado para vivir, pensado para a veciñanza, máis sostible e accesible, máis confortable, e para iso e grazas a estes proxectos, imos a mellorar todos os servizos públicos".