Mércores. 01.05.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitaron as obras de embelecemento da Vía da Prata, consistentes na renovación da praza do Cruceiro, no núcleo rural de Rubial, e que supuxeron un investimento de 27.300 euros, dos que a Xunta asumiu 15.000 euros.

A actuación consistiu na execución dun muro, de 33 metros de longo por 4 de alto, para poder nivelar a superficie da praza. Nela, cambiáronse de lugar tanto a marquesiña do autobús como os contedores do lixo, que foron integrados nunha nova área de 12 m2 cuns paneis de madeira que facilitan a súa integración na contorna. Finalmente, procedeuse a instalar unha mesa de pedra granítica cos seus respectivos bancos.

Ao mesmo tempo, procedeuse a mellorar a marxe do camiño, nunha superficie de 150 m2, coa execución dunha pavimentación continua herba-formigón de 10 centímetros de espesor, previo acondicionamento da zona e roza da contorna. Unhas actuacións que permitiron avanzar no embelecemento da contorna deste itinerario, contribuíndo a embelecer os trazados, mellorando as contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas e poñendo en valor o Camiño.

O alcalde de Boqueixón agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia na “posta en valor dunha área pola que discorre a Vía da Prata, polo que será desfrutada tanto pola veciñanza do lugar como polos milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren esta ruta Xacobea”.