Sábado. 27.04.2024

O pasado 1 de xuño, os alumnos de sexto de Primaria do CPI As Mirandas participaron nunhas xornadas  dentro da iniciativa Imos ao mar, imos xogar, organizadas polo Concello de Ares, e que se integran dentro do programa XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte. Un proxecto dirixido aos nenos do municipio, que nesta ocasión centrouse no mar e nos deportes náuticos que gozan de moita pegada no concello e na súa contorna, e en achegar á rapazada especialidades como o pádelsurf, a vela lixeira ou o kaiak.

Os alumnos das Mirandas desfrutaron da xornada no peirao deportivo de Ares e nas instalacións do Club Náutico, e despois recibir as instruccións teóricas os alumnos, dividos en grupos, realizaron tres horas de práctica de vela lixeira coas embarcacións Omega, os tablóns de pádelsurf e os kaiaks, cun máximo de 20 persoas na auga á vez e un ratio de 5 ou 6 alumnos por monitor.

Imos ao mar, imos xogar é parte da campaña XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte co obxectivo de fomentar o deporte educativo e saudable a toda a sociedade desde as idades máis temperás, mediante a organización de actividades físico-deportivas nos concellos que fomenten a saúde, o benestar e o acceso sen discriminacións de todos os escolares dos municipios a elas.