Sábado. 27.04.2024

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta vén de publicar o pasado 7 de outubro no Diario Oficial de Galicia (DOGA) o anuncio da convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2022 (DGAN 2022) que se enmarca no plan de axudas á preparación destes atletas, para que sigan mellorando o seu rendemento deportivo e para axudar na dedicación ao deporte de alto nivel.

Esta convocatoria de 2022 acadou a súa contía máxima e histótica polos resultados do ano pasado con case medio millón de euros. É dicir a contía medrou respecto a 2021 (436.450 euros) nun 11 por cento.

Esta nova convocatoria inclúe ata nove tipos de axudas diferentes que se asignarán en función dos resultados acadados no 2021 polos deportistas de alto nivel que estean así acreditados pola federación correspondente. O prazo de presentación de candidaturas iniciouse o pasado 8 de outubro e ramata o vindeiro día 24 e as bases da convocatoria pódense consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito que nas edicións olímpicas e paralímpicas de Londres 2012 e Río de Janeiro no 2016, as achegas DGAN no ano olímpico de Tokyo 2020 desenvolvéronse en dúas fases, diferenciando aos deportistas olímpicos e paralímpicos que prepararon e participaron nos Xogos, do resto de deportistas DGAN, coa finalidade de precisar mellor as axudas concedidas aos atletas galegos.

As DGAN 2022 cofinanciaranse en virtude da colaboración entre a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte para desenvolver algunhas das medidas previstas no pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Algúns dos deportistas que poden optar a estas axudas son Carlos Arévalo, Ana Peleteiro, Rodrigo Germade, Susana Rodríguez, Enmanuel Reyes, Tamara Echegoyen, Iago López, Irene Blanco, Antonio Serrat, Laura Martínez, Caetano Horta, Sara Álvarez, Roi Rodríguez, Tania Fernández, María de Valdés, José Cuba; Manuel A. Campos, ou Noelia Lalín, entre outros.