venres 03/12/21

O Concello de Brión vén de sacar a licitación por 950.726,78 euros o “Proxecto de camiño de Amañecida ata Graña e outros”, que inclúe actuacións de mellora do firme actual en sete camiños de titularidade municipal, no interior de tres urbanizacións e a mellora do viario de acceso ao CEIP de Pedrouzos e ao IES de Brión.

Así, o proxecto inclúe a mellora do firme dos camiños de Amañecida ata Graña (de 3,5 km), do camiño da estrada xeral en Gundín ata Saíme, pasando por Cabanas e Gontade (1,7 km na parroquia dos Ánxeles), camiño travesía de Liñares-Casal ata Tembra-Cantelar (1,5 km na parroquia de Boullón), dous camiños na parroquia de Bastavales: da estrada AC-300 ao Santo Arandel e o límite con Teo (1,7 km) e da estrada xeral ata o cruce da estrada da Deputación (2,1 km), a mellora dos camiño de Valiño a Saíme (1,17 km) e da AC-300 ata os accesos a Guisande.

Nos sete casos contémplase a reparación de fochas e mellora do firme dos camiños cunha nova capa de rodadura de 5 centímetros de mestura bituminosa, así como a limpeza de gabias, recuperación da sección hidráulica en todo o camiño, o repintado de marcas viarias correspondentes e a posta a cota de tapas de pozos, arquetas, reixas e sumidoiros.

A maiores, na mellora da estrada entre Gundín e Saíme contémplase o ancheamento en medio metro a cada lado da estrada nun tramo de 1.380 metros, así como a mellora do trazado dunha curva perigosa, para o que será necesario facer un muro de pedras de granito de 40 metros de longo para conter esta ampliación.

URBANIZACIÓN E COLEXIOS

A maiores, o Concello de Brión tamén mellorará o pavimento nas urbanizacións Monte Devesa, Agro Novo e Monte Balado, así como da rúa Inxerido, todas elas na parroquia dos Ánxeles e que suman unha superficie de máis de 25.000 metros cadrados. En todos os casos, procederase a reparar os baches existentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico, previo á extensión dunha nova capa de rodadura de 4 centímetros con mestura bituminosa. As actuacións completaranse coa adaptación de entradas e entronques con fresados puntuais e coa posta a cota de tapas de pozos, arquetas, reixas e sumidoiros.

Finalmente, contémplase a creación dunha zona de convivencia no Paseo de Pedrouzos coa instalación dunha plataforma elevada no acceso ao CEIP de Pedrouzos e IES de Brión. O obxectivo é que os vehículos teñan que reducir a velocidade e compartir o espazo cos peóns que por ela transiten. A nova zona de convivencia executarase con 20 centímetros de pavimento a cores de formigón sobre 10 centímetros de zahorra para nivelar a superficie.

Ademais de instalar nova sinalización horizontal e vertical, o Concello de Brion plantará dez árbores da variedade Ginkgo biloba, cos seus correspondentes alcorques, e porá a cota as tapas de pozos, arquetas e sumidoiros. A actuación complementa outras actuacións de mellora da seguridade do viario realizadas este ano polo Concello de Brión, entre as que figuran o remate das beirarrúas da marxe esquerda, a instalación de redutores de velocidade e o cambio do espazo de aparcamento, que pasou de ser en liña a ser en batería, facilitando o seu uso por un maior número de persoas.


 

comentarios