Sábado. 04.05.2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acudiu o Concello de Boqueixón para visitar os renovados dos parques infantís das Escolas Unitarias de Camporrapado e Lestedo. As obras de mellora e cubrición destas infraestruturas de lecer contaron cun orzamento de preto de 50.000 euros, financiados nun 80% pola Xunta de Galicia e no 20% restante pola administración local.

“Estas renovadas infraestruturas redundan no beneficio do conxunto de boqueixaneses e boqueixanesas porque, aínda que están localizadas a carón das Escolas Unitarias, son utilizadas pola veciñanza da contorna, dada a súa accesibilidade e a seguridade das instalacións. Ademais, coas novas cubertas, tamén se poden utilizar en caso dos días de tempo máis desapacible”, indicou o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.

No caso do parque infantil de Lestedo, instalouse unha estrutura metálica coa que se cubriu unha superficie de preto de 150 metros cadrados, mentres que en Camporrapado a cuberta foi de 215 m2. Ambas cubertas contarán con placas traslúcidas para favorecer a iluminación nos días anubrados.

Manuel Fernández Munín agradeceu a Natalia Prieto a súa visita e o apoio amosado dende a Dirección Xeral de Administración Local na materialización destes dous proxectos. O rexedor lembrou, ademais, que “dende o executivo local xa presentamos a solicitude para levar a cabo a reforma e cubrición do parque infantil da Escola Unitaria de Sergude. Un proxecto que suporá un investimento de 50.000 euros, dos cales a Administración Autonómica asumiría o 80% e o Concello, o 20% restante”.